A Asemblea Galegas 8M xorde da necesidade de repensar o 8 de marzo en clave galega, diversa, inclusiva e horizontal. Con estes obxectivos, e a través de convocatorias e xuntanzas abertas nas distintas cidades e vilas de todo o país, diversos colectivos feministas e mulleres individuais de toda Galiza tecemos a rede e comezamos a traballar na organización da Manifestación nacional do Día das Mulleres deste 2018.

Galegas 8M non somos só as mulleres que nacimos nesta terra: somos todas as que estamos vinculadas a ela dun xeito ou doutro, todas as que a sentimos como propia, todas as que vivimos, traballamos e transitamos nela, e por iso todas temos o mesmo nivel de participación e decisión.

Asumimos tamén a Folga Feminista (de coidados, laboral e de consumo) do 8 de marzo como foco representativo das nosas reivindicacións. Temos especialmente en conta as dificultades para parar no ámbito dos coidados. Todo o noso apoio a tódalas mulleres que a diario realizan ese enorme traballo!

Este ano a manifestación unitaria galega trasládase a Vigo, coa intención de amosar a nosa forza e a nosa capacidade de espallar a loita feminista e de xuntar forzas para dar visibilidade á ampla rede de mulleres galegas.

Esta manifestación de loita feminista fai parte do traballo mobilizador cara a folga de coidados, laboral e de consumo, e pretende tamén darlle pulo ás convocatorias locais que terán lugar o propio día 8 nas diferentes localidades do país.

As mulleres sairemos ás rúas e faremos folga este e todos os 8 de marzo que faga falla! Porque temos a forza para conquistar ese mundo tamén noso, xusto e igualitario. Porque o noso camiño cara a eses obxectivos foi, e será sempre, continuar sendo insubmisas, rebeldes e loitadoras!

Para transformar a vida das mulleres, Folga de Coidados, Folga Laboral e Folga de Consumo.

Hoxe e sempre: abaixo o patriarcado capitalista e colonial!

 

Que colectivos e entidades compoñen Galegas 8M?

Todas estas asociacións, colectivos, plataformas e entidades feministas do país forman parte e colaboran nesta Asemblea nacional Galegas 8M. Tamén hai un bo número de mulleres que participan a nivel individual.

Advertisements